Lembranza do nomeamento de Francisco Fernández del Riego como Fillo Predilecto de Lourenzá

Categoría: Nova

Vilanova de Lourenzá acollerá este sábado, día 2 de novembro, dous actos para lembrar o nomeamento de Francisco Fernández del Riego como fillo predilecto do concello. Na xornada inaugurarase unha exposición e haberá unha charla coloquio sobre o escritor laurentino.
As actividades previstas para o vindeiro sábado están incluídas dentro da programación deste ano dedicado a Fernández del Riego en Lourenzá, actos que deron comezo no mes de maio conmemorando o Día das Letras Galegas, do que foi gran impulsor; seguiron o 25 de xullo, Día de Galicia, e rematarán o 26 deste mes de novembro, cando se recordará a data do seu pasamento.
Este sábado farase unha lembranza do seu nomeamento como fillo predilecto do Concello de Lourenzá en novembro do 2011, para o que hai previstos dous actos fundamentais. O primeiro dará comezo ás doce da mañá na sala de exposicións da Casa do Concello, onde terá lugar a inauguración da exposición 'Francisco Fernández del Riego, cos ollos do espírito. Centenario do nacemento 1913-2013'. É unha mostra cedida pola Fundación Penzol que chega ao Concello para exhibirse ata o venres 15 de novembro. Os horarios de visita serán de 17 a 20 horas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email