Lembranza da primeira edición de "Memorias dun neno labrego" en Buenos Aires

Categoría: Nova

"O primeiro lector das Memorias dun neno labrego foi un camareiro do barrio norte de Buenos Aires que se chamaba Evencio. Era galego, e mentres eu escribía os capítulos do libro, sentado nunha mesa do café La Vieja Viena, propiedade doutro galego, el ollaba por enriba do meu ombreiro e preguntaba: e iso que é?".
Neira Vilas contou aos alumnos e alumnos do Instituto Apóstol Santiago de Buenos Aires as orixes do seu libro, que cumpre agora 50 anos dende a súa primeira edición na editorial Follas Novas, na capital arxentina. A través de videoconferencia, o escritor falou cos alumnos deste centro, onde se imparte o ensino primario e secundario segundo os programas educativos de Galicia, e onde están matriculados máis de 500 alumnos.
Como recordou na presentación o director de Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes, na capital arxentina, entre 1945 e 1960 publicáronse algunhas das grandes obras da literatura galega contemporánea: "Sempre en Galiza" e "As cruces de pedra na Galiza" de Castelao, a obra de Luis Seoane, algúns dos principais títulos de Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Emilio Pita, A esmorga de Blanco Amor ou as Memorias dun neno labrego entre outros.
"O primeiro lector das Memorias foi aquel camareiro", lembra Neira Vilas. "Como el difícilmente sabía ler e moito menos en galego, líallo eu despois de rematar cada capítulo. A segunda lectora foi Anisia Miranda, coa que eu xa estaba casado daquela. E o terceiro Rafael Dieste, que levou o orixinal a mans de Luis Seoane".
A etapa arxentina de Neira Vilas, entre o ano 1949 e o ano 1961, data na que con Anisia Miranda pasa a vivir a La Habana, foi especialmente evocada e recreada polo escritor, que recoñeceu entre o público a algúns dos seus vellos amigos, entre eles o debuxante e artista plástico Cordeiro. "Luis Seoane quixo publicar o libro na editorial Citania, pero nós xa estabamos embarcados no proxecto Follas Novas, editora-distribuidora do libro galego que creamos en 1957, e quixemos publicalo con este selo noso. Iso si, a capa do libro é de Seoane, a mesma capa que Galaxia vén de recuperar nesta Biblioteca de Autor de agora".
A conexión trasatlántica de Neira Vilas cos alunnos do instituto Apóstolo Santiago, organización educativa próxima ao Centro Galicia e a Fundación Galicia-América, realizouse por videoconferencia a través de Internet dende a vila galega de Carballo. Foron os propios alumnos, dirixidos polo profesor Carlos Brandeiro, os que interrogaron ao escritor.
Pola tarde, o actor Cándido Pazó ofreceu no teatro do Centro Galicia o seu monólogo "Memorias das Memorias dun Neno Labrego", con gran asistencia de público. Presentou o acto o director de AGADIC, Xoán Carlos Fasero, e mais o presidente do Centro Galicia de Buenos Aires, Xosé María Vila Alén.

FOTOGRAFÍAS: Paula Sabajanes

Comparte nas túas redes sociais ou por email