Inaugúrase en Compostela a exposición sobre o Alba de Gloria de Castelao

Categoría: Nova

Escoitar e ver o último discurso de Castelao da súa man, cun formato innovador e vangardista. Así é “Alba de Gloria. Unha experiencia”, a mostra que inaugurou este serán en San Domingos de Bonaval a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, canda o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e mais unha nutrida representación de autoridades e personalidades entre as que se atopaba Francisco Castro, director xeral de Galaxia, a editora encargada da reedición do discurso de Castelao. “Esta non é unha exposición máis, como tampouco é un discurso máis”, explicou a presidenta do CCG ao tempo que reivindicou a “necesidade dun Panteón de Galicia que reúna as grandes figuras da nosa cultura”. Manuel Gago, o comisario da exposición, incidiu na rolda de prensa anterior á inauguración en que a mostra pretende “trasladar a emoción da colectividade que asistiu a aquel discurso no ano 1948 e que está presente en todas as crónicas daquel acto”. A exposición estará aberta ata o 3 de febreiro de 2019.
O discurso que Castelao constrúe e que posteriormente foi coñecido como “Alba de Gloria” é unha alocución que enumera as grandes figuras da cultura galega. Iníciase coa figura de Prisciliano, ao que Castelao chama o “heresiarca decapitado”, e remata co “Gran Don Ramón (Valle-Inclán)”. “Engadimos unha figura máis, a de Alexandre Bóveda (sito na mostra diante do sepulcro de Castelao en conexión coa amizade que os unía), para completar esa gran listaxe” apuntou o comisario no marco da rolda de presentación. En total son sesenta e cinco figuras e persoeiros que se enumeran conformando un dos grandes mitos populares como é o da Santa Compaña. Nesa nómina de personaxes figuran nomes recoñecidos como Alfredo Brañas, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou Diego Xelmírez, xunto con outros como Benito Vicetto, Alberto García Ferreiro ou San Dámaso. O discurso, tendo en conta que Castelao era pintor, goza dunha gran plasticidade e riqueza, plasmadas na imaxe e na simboloxía que ten cada figura de tal xeito que, en palabras da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, “é unha obra cimeira da lingua galega”.
“Empregamos a última tecnoloxía dispoñible para trasladar a emoción, para conectar cos sentimentos da xente do mesmo xeito que fixo Castelao hai setenta anos e tamén conectado co esforzo que facía por buscar novos formatos para chegar á maior cantidade posible de xente”, explicou Manuel Gago. Unha idea na que insistiu a presidenta ao dicir “pensamos que Castelao, ao que lle gustaba innovar, estaría contento con esta obra”. Ademais, o desafío tecnolóxico da exposición está tamén na reconstrución da propia figura de Castelao, que interactuará cos visitantes na experiencia virtual, que dura oito minutos. Para a realización desta exposición “traballamos con recursos propios que amosa o capital acumulado no Consello da Cultura”, indicou a presidenta.

Comparte nas túas redes sociais ou por email