Uqui Permui, Manuel Janeiro e Xosé Díaz acudiron á invitación de Galaxia para falar do presente e do futuro do deseño gráfico diante dun nutrido auditorio composto, en gran medida, por profesionais do sector e estudantes de Belas Artes. Xosé M. Soutullo, director de Produción de Editorial Galaxia, presentou os convidados e estableceu as pautas do desenvolvemento da mesa, contextualizando brevemente o papel do ilustrador.

Xosé Díaz, director de Imago Mundi Deseño, recordou que os artistas gráficos, apoiados no agromar do Rexurdimento, tiveron que reinventar un país que enmudecera no tránsito do século XV ao XVI: "houbo que reinventar mitos que non tiñan presenza física, pero iso non significou a renovación do libro, se non a recreación dunha tradición".

A renovación gráfica do libro galego -apuntou Díaz- deuse na Arxentina e mais en Galicia. Alá foi da man de Luís Seoane, coas influencias dos seus parceiros, tamén exiliados doutras ditaduras: o italiano Attilio Rossi e mais o alemán Jacobo Hermelin. En Galicia, Ricardo García Suárez –Xohán Ledo– que seguiu e perfeccionou a estela de Carlos Maside.

Manuel Janeiro salientou que o deseñador gráfico, o ilustrador, traballan para un receptor intelixente e reflexivo, o que os obriga a elixir ben os valores que transmiten nas súas creacións. Para Janeiro o deseño debe ter contido ético. Así foi e así traballou Xohán Ledo -suliñou- creando unha obra á vez "marxinal", pola ausencia de guía, e "vangardista", pola vontade de mirar alén.

Uqui Permui presentou un fermoso audiovisual da súa autoría no que expresaba os pasos que segue á hora de levar a cabo un encargo editorial. Sobre a base de tres exemplos de libros de diferente orixe, argumentou os presupostos de partida, a elección dos materiais, o deseño das formas e das cores, atendenda a cadanseu produto. A presentación de Permui abriu un interesante coloquio entre invitados e asistentes sobre a "intención" do deseñador, o futuro da ilustración editorial, ou as diferencias existentes entre os soportes e os contidos á hora de definir o produto libro, entre outras estimulantes cuestións.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR