Hoxe coñecíase en Vigo o fallo do Reto Lector 2019, a campaña de animación á lectura promovida dende a Editorial Galaxia. O Reto lector, que este ano se consolida xa na súa terceira edición como unha actividade de referencia na promoción de lectura en lingua galega, está destinado a mozas e mozos de entre 12 e 16 anos. Para participaren, só tiñan que enviar un vídeo recomendando algunha das obras do catálogo de Galaxia, de xeito que animasen a outros a ler. Así, non só se favorece o sentido crítico, senón que se busca visibilizar as novas tecnoloxías como unha ferramenta de difusión da lingua e literatura galegas entre os máis novos.

A gañadora deste ano, escollida por un xurado conformado por alumnas e alumnos de secundaria, foi Icía García Carregal, natural de Melide (A Coruña), que recomendaba no seu vídeo A filla do minotauro de Marilar Aleixandre (Premio Raíña Lupa, 2017) tanto para os amantes da mitoloxía como para aqueles que aínda non se adentraran nese mundo, e sinalaba algunhas das curiosidades da novela.

O premio, consistente nun iPad de última xeración, seralle entregado nun acto o vindeiro 11 de xullo en Vigo pola escritora e académica Marilar Aleixandre, autora da obra recomendada pola gañadora.

Ademais deste premio, declaráronse cinco vídeos finalistas cuxos autores recibirán un lote de libros de Galaxia: Sara Sabir (Cuntis), que recomendaba Guedellas de seda e liño de María Victoria Moreno dunha forma moi orixinal, simulando estar nun programa de radio; as recomendacións que fixeron Nee Barros (Marín) e Luna Nogueira (Fene) de Iridium de Francisco Castro, cun estilo máis próximo ao do booktrailer no caso de Nee e un acompañamento musical ao piano obra de Luna; a recensión sobre Kafka e a boneca viaxeira de Jordi Sierra i Fabra, levada a cabo por Irene Pérez (A Coruña) cun elevado dominio da expresión oral; e o comentario de Xana Rivas, que recomenda Made in Galiza cde Sécho Sende para animar aos máis novos a falaren galego.

Noraboa a todos os gañadores!

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR