Tal día coma hoxe, o 11 de setembro de 2002, morría Roberto Vidal Bolaño.

Escritor e dramaturgo, dedícaselle o Día das Letras Galegas no ano 2013. Foi unha das figuras máis senlleiras do teatro galego e un dos artífices da súa dignificación, profesionalizándoo.

Nado en Santiago de Compostela, iniciouse no mundo teatral da man do grupo Antroido, no cal representou como actor as súas primeiras obras. Con Antroido acudiu ás Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia (1973-1980), mostras nas que se deu a coñecer como dramaturgo e escenógrafo, co pseudónimo de Julia Brens.

Tras ser despedido, en 1977, no banco no que traballaba, viuse na obriga de convertir o Grupo Antroido na primeira compañía teatral galega. Tamén foi un dos primeiros directores que participaron no teatro institucional, poñendo en escena, coa colaboración do Centro Dramático Galego, en 1984 a súa obra Agasallo de sombras. Ademais da dramaturxia, cultivou as artes audiovisuais, traballando como guionista para a Televisión de Galicia e a Televisión Española, en Malos Tratos, Novo de Parmiude ou Morosos Varios.

Levou á pantalla relatos de escritores galegos como Cara de Lúa, de Ánxel Fole, ou O Noxo, de Eduardo Blanco Amor. Tamén participou como actor en distinguidas series televisivas, coma Mareas Vivas.

No ano 2001, representou no Centro Dramático Galego Rosalía, que escribiu Ramón Otero Pedrayo en 1958.

No catálogo da Editorial Galaxia, o libro Un chapeu negro e un nariz de pallaso, de Montse Pena Presas e Gonzalo Enríquez Veloso, está dedicado á súa figura.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR