O Consello da Cultura Galega presentou onte o detalle do programa do congreso -presencial e virtual- internacional que dedicará do 28 de febreiro ao 27 de xullo á figura e á obra de Rosalía de Castro (1837-1885) baixo o título "Rosalía no século XXI. Unha nova ollada". Serán cinco sesións coa participación dos máis destacados expertos nacionais e internacionais na obra rosaliana, ampliadas a través da proxeción virtual aberta a comunicacións libres, difundidas na web institucional www.consellodacultura.org, que ofrece, asemade, outros recursos como o facsímile da primeira edición de "Cantares Gallegos", un roteiro e un directorio de rosalianistas. En 2013 cúmprense 150 anos da publicación en Vigo (1863-2013) de "Cantares Gallegos", obra auroral e determinante para o Rexurdimento das letras galegas. Ramón Villares lembrou o congreso rosaliano celebrado en 1985, no que tamén tiña participado a institución que preside, e falou dunha liña de continuidade, que se proxectará tamén nas xornadas a celebrar en outubro no Instituto Cervantes en Madrid e en novembro na Universitat de Barcelona. "Trátase agora de mostrar a vixencia de Rosalía desde unha perspectiva multidisciplinar", dixo Rosario Álvarez, vicepresidenta e membro do comité organizador, integrado tamén por Anxo Angueira, Dolores Vilavedra e María do Cebreiro Rábade.
O Congreso presencial, cunha programación pechada de conferencias, mesas redondas e recital poético, celebrarase na sede da institución en Santiago de Compostela e poderá seguirse vía streaming. Constará de cinco sesións, dunha xornada cada unha (mañá e tarde) en cinco meses consecutivos. Comeza o 28 de febreiro e remata o 27 de xuño. Terá lugar o último xoves de cada mes, coa excepción do de marzo para que non coincida coa Semana Santa.
28 febreiro: "Rosalía de Castro ante os procesos de cambio social e cultural do sécuclo XIX". Coordina: María do Cebreiro Rábade, do Grupo de Investigación "Rosalía de Castro" da USC.
21 marzo: "Do privado ao público: a configuración da Rosalía escritora". Coordina: Dolores Vilavedra, profesora de Literatura Galega da USC.
25 abril: "Cara a unha intrerpretación global de Rosalía: hermenéutica, fontes e edición". Coordina: Anxo Angueira, profesor de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo.
30 maio: "Rosalía no contexto internacional: paralelismos e influencias; difusión e actualidade". Coordina: Rosario Álvarez, vicepresidenta do Consello da Cutlura Galega.
27 xuño: "Rosalía XXI á luz dos novos paradigmas críticos". Coordinan: Helena González, profesora de Literatura Galega da Universitat de Barcelona, e Dolores Vilavedra, profesora de Literatura Galega da USC.
En total, once conferencias, cos seus correspondentes retrucantes, nove mesas redondas (un coordinador e, xeralmente, tres convidados), un recital o 21 de marzo a cargo de nove poetas galegas e medio centenar de relatores e relatoras convidados expresamente.
NOMES IMPORTANTES
No congreso dictarán conferencias: Catherine Davies, Xosé Ramón Barreiro Fernández, María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, Pilar García Negro, Xesús Alonso Montero, Javier Gomez Montero, Katleen March, Francisco Rodríguez, Xosé Manoel Núñez Seixas, Derek Flitter e César Domínguez.
Entre os panelistas figuran: Carme Hermida, Henrique Moteagudo, Carmen Pérez Pais, Arturo Leyte, Ana Luna, Helena González, María Jesús Lama, María López Sández, María Reimóndez e Alex Alonso.
Os participantes son estudiosos e investigadores das tres universidades galegas, doutras universidades españolas (Barcelona, Madrid, Granada, Huelva…), doutras universidades europeas (Reino Unido, Alemaña…) e americanas.
Trátase, dixo Rosario Álvarez, de investigadores consagrados, cunha longa traxectoria de traballos rosalianos e obras de referencia neste campo, xunto cunha forte presenza de investigadores máis novos, que achegan olladas renovadoras, e de especialistas en distintos campos, non só desde o puramente literario (historia da ciencia e do pensamento, migracións, historia da prensa e da edición, etc.), senón tamén desde o campo da teoría e historia literaria, perspectivas desde fóra do ámbito estrito da literatura galega.
OBXECTIVOS
A vicepresidenta do Consello da Cultura Galega precisou os tres obxectivos principais do congreso.
-Mostrar a vixencia de Rosalía no século XXI e dar continuidade ao seu coñecemento e aprecio, por parte de galegos e non galegos de todas as xeracións.
-Acoller e poñer de relevo as novas olladas e novas perspectivas de análise que se foron producindo nas últimas décadas, despois do Congreso Internacional sobre Rosalía de Castro e o seu tempo (1985), no que tamén participou o Consello da Cultura Galega.
-Estimular novos enfoques, novas olladas, novas lecturas e removar o interese pola obra rosaliana. En definitiva, facer avanzar o seu coñecemento.
O CONGRESO VIRTUAL
O Congreso terá tamén unha parte virtual aberta a comunicacións libres, coas mesmas liñas temáticas do congreso presencial.
Os textos enviados serán revisados anonimamente por especialistas encargados polo comité científico, como requisito indispensable para a súa publicación.
A publicación será electrónica, coas características propias das publicacións científicas deste tipo.
O período de aceptación de orixinais, revisión e publicación estará aberto durante todo o tempo de duración do congreso presencial, isto é, ata o vindeiro 27 de xuño.
RECURSOS NA REDE
Na web www.consellodacultura.org cóntase xa con diferentes recursos manexables e descargables, entre os que sobresae o facsímile interactivo da primeira edición de "Cantares Galegos" e un roteiro polos lugares que marcaron a biografía de Rosalía. Manuel Gago, director de www.culturagalega.org, o portal cultural do CCG, destacou tamén o directorio de estudiosos da autora de "Follas Novas" e o documental "Pelerinaxe do Patronato Rosalía Castro os lugares rosalianos". Este é un documento excepcional, recuperado e difundido pola Fundación Caixa Galicia, El Progreso e Diario de Pontevedra. Trátase da testemuña audiovisual máis antiga sobre o galeguismo.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR