Hoxe celébrase o Día Mundial da Nena

Categoría: Evento

Hoxe, día 11 de outubro, celébrase o Día Mundial da Nena. Unha data que conmemora o recoñecemento dos dereitos das cativas e que amosa os problemas que teñen que enfrontar, día a día, en todo o mundo.
Aínda queda moito camiño por percorrer para acadar unha igualdade verdadeira. Os estereotipos de xénero asúmense dende moi temprana idade, condicionando o crecemento, as ideas, e por tanto, as posibilidades das máis cativas. Precisamos ser conscientes do reto que supón para as nenas, xa a tan corta idade, ter asumidas estas diferenzas de xénero e loitar, a través da cultura e da palabra, por conseguir un mundo diferente.
Para celebrar a data, recomendamos a lectura de Carabela, de Paula Carballeira, ilustrado por Abi Castillo. Trátase dun libro que conta a historia de Carabela, a cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico, onde está soa e rodeada de peixes mutantes que a advirten que son tóxicos, de paxaros que tamén se queixan por comer substancias nocivas… Para aliviar a tristeza, Carabela constrúe unha nena de Plástico á que lle conta historias de como é o mundo fóra da Illa Pequena.
Contémoslle tamén, nós, ás nosas nenas, historias de como pode ser a vida, en igualdade. E loitemos para que así sexa.

Comparte nas túas redes sociais ou por email