Hoxe celébrase o Día Internacional da Infancia

Categoría: Nova

Hoxe, día 20 de novembro, celébrase o Día Internacional da Infancia, unha data que nos lembra a importancia de defender os dereitos das máis pequenas e pequenos, pois eles son o colectivo máis vulnerable.
Para a Editorial Galaxia, a Literatura infanto-xuvenil sempre foi algo esencial, pois entendemos a importancia que xoga na formación dos pequenos. Ler moito é fundamental para que as criaturas desenvolvan un pensamento crítico e, sobre todo, propio, nunha sociedade cada vez máis complexa. A lectura, a calquera idade, é un refuxio e unha guía para que poidamos ser persoas máis fortes, libres e felices.
Para celebrar este día, entre outras, queremos recomendar algunhas lecturas.
O nariz de Fiz, de Miro Villar:
Acabamos de recibir este fermoso libro escrito por Miro Villar, pertencente á colección Árbore, está ilustrado por Emanuel Lomeña. A través da súa lectura, poderedes acompañar ao pequeno Fiz nas súas emocionantes aventuras. Non vos deixedes enganar pola súa apariencia pequerrechiña e miudiña, pois o noso protagonista ten unha habelencia que o fai distinto a todos os demais… Queredes coñecela?
Mar de mazá, de Elvira Ribeiro Tobío e Begoña G. Arce:
Un álbum diferente, cheo de cor e encanto que nace do talento de Elvira Ribeiro Tobío, á escrita, e da creatividade de Begoña G. Arce, coas ilustracións. Unha explosión de sensacións. Unha lectura fundamental para a cativada.
O enigma do baúl pechado, Premio Carlos Mosteiro de Literatura Infantil 2019, de Xosé A. Neira Cruz:
Este libro escrito por Xosé A. Neira Cruz e ilustrado por Luz Beloso, ofrécenos unha historia chea de misterio e aventuras nas que os seus protagonistas vivirán algunha que outra situación extraordinaria. Adentrádevos nas súas páxinas para descubrilas…

Comparte nas túas redes sociais ou por email