Hoxe celébrase o Día das Librarías

Categoría: Nova

Hoxe, día 13 de novembro, celébrase o Día das Librarías, unha data que rende homenaxe a eses lugares que nos permiten soñar e achegarnos a novas e apaixonantes lecturas. Lugares de encontro, espazos culturais que non só venden libros, pois acubillan colectivos de persoas con intereses comúns que atopan alí o seu sitio.
A lectura é un ben de primeira necesidade, e as librarías son os templos onde se cultiva. A través do fabuloso labor das libreiras e libreiros de confianza, as lectoras poden estar máis preto de atopar ese libro que as acompañará para sempre ou esa historia onde poderán mergullar durante horas.
Cantas historias naceron arredor das presentacións de libros, conferencias, clubs de lectura ou recitais poéticos que ofrecen? Cada libraría é un mundo de oportunidades e sensacións, na que se vive e comparte o pracer pola cultura.
Sigamos celebrándoas cada día, visitándoas, comprando alí os nosos libros e creando historias con elas.
Feliz día das Librarías!

Comparte nas túas redes sociais ou por email