A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XXI edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Xosé María Álvarez Cáccamo, que será homenaxeado no Concello de Vilaboa, onde chantou as súas raíces hai 25 anos.

PROGRAMA DE ACTOS

– 11:30 h. Parque Público CartelLetraECaccamoPoeta Xosé María Álvarez Cáccamo (Santa Cristina de Cobres, a carón do CEP Plurilingüe de Riomaior).
Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación da moreira branca (árbore simbólica do escritor).
Interveñen:
•Cesáreo Sánchez, Presidente da AELG.
•Ornela Fernández Salgado, Tenente de Alcalde de Vilaboa.
•Xosé María Álvarez Cáccamo.
Descubrimento da placa que atribúe o nome do homenaxeado ao parque.
2:15 h. Casa da Cultura de Riomaior (Santo Adrián de Cobres)
Acto de entrega da "Letra E".
Interveñen:
•José Luis Poceiro Martínez, Alcalde de Vilaboa.
•Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG.
•Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
•Xavier Rodríguez Baixeras: Laudatio.
Entrega da peza escultórica do artista Silverio Rivas.
•Intervención do homenaxeado: Resposta á laudatio por parte de Xosé María Álvarez Cáccamo.

14:00 h. Pazo de Larache (Lugar de Larache, 16 – Santa Cristina de Cobres).
Xantar de confraternidade.
Aberto aos/ás socios/as da AELG, á veciñanza de Vilaboa e demais persoas interesadas.

Consonte este novo século prosegue a súa andadura, máis se engrandece a figura de Xosé María Álvarez Cáccamo (Vigo, 1950) e máis vasto é o espazo que ela vai ocupando para a nosa historia na estima de toda persoa que se mova no ámbito da creación literaria galega. Autor emblemático da xeración poética dos 80, intenso e múltiple, polifacético, impenitente curioso sempre en procura de novos xeitos (e xestos) de beleza (non só na creación literaria, mais tamén, por exemplo, nas cunchas mariñas e no poema-obxecto), a súa vitalidade extrema, que carece dun tope definido, e a súa índole xenerosa sempre serán causa de novas maneiras de sorpresa, de compromiso cívico ou de irada protesta contra a barbarie.

A súa vida, que provén de eminente estirpe de escritores e que el relatou brillantemente nun libro de memorias e, aliás, reflectiu de contino nos seus poemas maxistrais, decorreu primeiramente –e sobre todo– no barrio das Travesas de Vigo e na exaltación dos veraos de Coruxo, na beira da ría, para, co tempo, se desprazar, en novo círculo familiar, até os Cobres, no concello de Vilaboa, e en concreto o sobranceiro lugar de Vilar, desde onde asiste todos os días ao espectáculo singular da enseada de San Simón e no que xa se considera un arraigado, un veciño máis. E é nese cativador escenario onde o noso Pepe Cáccamo se dispón a ser declarado –en irónica redundancia– escritor e a plantar a moreira branca, da que a follaxe se derrame sobre si e sobre esa terra, en perenne sedución.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR