Homenaxe a Xohán Ledo

Categoría: Nova

Xohán Ledo asumiu a imaxe gráfica da Editorial Galaxia dende 1950 ata ben andada a década dos 80. As súas cubertas, o deseño interior dos libros, as ilustracións das coleccións de Galaxia adquiren nese período unha significación especial. Xunto con Luís Seoane no exilio, Xohán Ledo é o gran innovador da imaxe gráfica do libro en lingua galega.

O Caderno GRIAL está dedicado á personalidade e á obra deste artista gráfico, médico de profesión, que dende o primeiro momento formou parte do equipo de dirección e xestión da editora. Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto, os seus compañeiros de edición nesta época, abren o número con sendas lembranzas. Gustavo Garrido percorre a biografía do autor, cunha mostra de documentos gráficos procedentes do album familiar (familia García Alonso). Víctor F. Freixanes propón un repaso representativo das "caras do libro" dende a Idade Media ata os nosos días, e Xosé Díaz, Manuel Janeiro e Uqui Permui colaboran con ensaios sobre a obra de Xohán Ledo e as características da edición gráfica do libro. Fausto Isorna inclúe unha fermosa homenaxe gráfica.

Trátase de presentar aos lectores de GRIAL a personalidade dun dos grandes creadores do libro galego moderno, pouco coñecido do gran público, en parte pola súa discreción e a súa humildade. Da súa autoría é o oleo onde aparecen os compoñentes do primeiro equipo de xestión da editora: Rufo Pérez, Emilio Álvarez Blázquez, Luís Viñas Cortegoso, Francisco Fernández del Riego, Antón Beiras García, Xaime Isla Couto, Xosé Meixide González e o propio autor, que se retrata a si mesmo de costas, agachando o rostro.

Xohán Ledo non só foi un magnífico portadista. Da súa man xurdiron as imaxes plásticas de GRIAL, as primeiras cubertas de Cunqueiro e de Ánxel Fole, de Eduardo Blanco Amor ou de Otero Pedrayo, a colección Illa Nova, onde se daba cabida aos novos autores, etc. Tamén foi un inspirado grafista de folletos, almanaques, cartaces, etc. Seus son os primeiros carteis do Día das Letras Galegas, por exemplo. Debuxante, gravador, pintor… O lector poderá coñecer a obra plástica do autor, depositada na actualidade en coleccións familiares e privadas, así como nalgúns poucos museos: Fundación Fernández del Riego, Museo Carlos Maside de Sada, etc.

Incluímos tamén unha mostra de ensaios e do pensamento de Xohán Ledo, cunha interesantísima entrevista que Cosme Barreiros (pseudónimo de Fernández del Riego) publicou na revista Galicia emigrante en febreiro de 1956, revista que dirixía o seu amigo Luis Seoane en Buenos Aires. Na cuberta do Caderno GRIAL recreamos un dos oleos do pintor: a lectura.

Comparte nas túas redes sociais ou por email