A herba de namorar chegará a toda Galicia

Categoría: Destacado, Evento, Nova

Vinte anos de poesía non son poucos. A herba de namorar condensa ese lapso en cincuenta poemas, a maioría editados e algúns inéditos. Segundo palabras da propia autora, “en liñas xerais, correspóndense con aqueles que salvaría se só puidese rescatar eses. Non son necesariamente os que máis quero nin os que máis lembro; si son aqueles que agora mesmo podería volver ler en voz alta sen experimentar demasiada estrañeza”.
O aceno primordial que guía as páxinas é o de tentar prescindir do ideal de obra pechada ou summa filolóxica, en favor dun concepto achegado ao que na feliz tradición da poesía anglófona se denomina selected poems. O experimento consistiu en facer andar o tempo cara atrás, escolmando os poemas máis recentes até ir dar á fonte da obra prima. Prescindindo desta maneira dun criterio de contextualización e ordenación, temos ante nós un libro novo e vello á vez, como o é a poesía. Versátil e atemporal, resulta indiferente se un poema se publicou aquí ou acolá, antes ou despois, en serie ou solto, mais como a lectura é un acto de entrega á multiplicidade, ao final do volumen achégase un mapa onde os lectores curiosos poderán identificar a orixe das pezas escollidas.
A herba de namorar é, en suma, un libro que pide ser lido nos termos da nova serie recomposta a partir de materiais rescatados da rúa e dos caixóns, como se fose un ready-made poético, ou un documental de metraxe atopada. Trátase dun convite a tomar cincuenta poemas como se fosen unha baralla de naipes que o lector ou lectora, con sorte, xogará a dispoñer e a cortar nas súas propias cabezas.
Deséxolles que sexan ao tempo tan piadosos e implacables como esta muller, que deixa aquí o seu corazón espido, procura selo con canto le escribe”, María do Cebreiro.
Natural de Santiago de Compostela, María é poeta e profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada na Universidade de Santiago de Compostela. É autora de ensaios, antoloxías e de máis dunha ducia de poemarios, entre os que destaca a triloxía composta por Os inocentes (2014), O deserto (2015, Premio da Crítica Española e Premio da Crítica de Galicia) e A Lentitude (2017).

Comparte nas túas redes sociais ou por email