Helena Villar Janeiro presentou o seu novo libro en Rianxo

Categoría: Nova

Este domingo, e dentro dos actos da Feira do Libro de Rianxo, a escritora Helena Villar Janeiro presentou o seu novo libro, publicado por Galaxia na súa colección Árbore e ilustrado por Marifé Quesada, AS SEÑORAS COUSAS. A escritora estivo acompañada polo alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños e polo editor do libro, Francisco Castro.
A escritora explicou que este era un libro "moi rianxeiro", escrito, en boa medida, nas terras de Abuín, onde ela adoita pasar o verán. Fixo referencia tamén á boa acollida que dende o intre da súa saída este libro tivo por parte da crítica que sinalou, ademais da súa calidade literaria, a coidado da forma e do ritmo.
Como explicou o editor Francisco Castro, "Helena Villar Janeiro non só é un dos grandes nomes da literatura infantil e xuvenil galega senón da literatura galega en xeral".
O Salónd de Plenos do Concello encheuse para escoitar á autora, non sendo poucos os cativos e cativas que ocuparon as primeiras butacas do salón para estar preto dela e logo pedir a sinatura do volume.

Comparte nas túas redes sociais ou por email