Grial incorpora o Anuario de Estudos Literarios Galegos ao seu proxecto.

Categoría: Nova

O Anuario Literario, que nesta nova etapa dirixe Dolores Vilavedra, actualízase logo de once anos de publicación ininterrompida. Os obxectivos dos evidentes cambios na maqueta, á parte de adecuárense á imaxe corporativa de Grial, procuran, en palabras da súa directora "facilitar o acceso do lector á información" e lograr que a publicación sexa máis efectiva e "forneza un material que se convirta en indispensable para unha primeira valoración e interpretación axustada das novidades literarias galegas".
Coincidindo coa aparición do Anuario Galaxia publica un novo número dos Cadernos Grial, dedicado nesta ocasión ao último encontro de escritores galegos, vascos e cataláns, Galeusca, celebrado en Ourense no outono pasado. Inclúense todos os relatorios que que acompañaron a homenaxe dos literatos ás cidades.
En canto ao número 164 de Grial, que dirixen Víctor Freixanes e Henrique Monteagudo, recolle como tema central A España posible. O estado e a pluralidade nacional, con traballos de Ferrán Requejo, Daniel Inneraty, Meilán Gil e Carlos Aymerich. Na sección de entrevistas Víctor Freixanes e Ramón Villares conversan con Pascual Maragall.

Comparte nas túas redes sociais ou por email