Galiza e Europa, por Camilo Nogueira

Categoría: Nova

Europa, o continente pensado, trata do carácter histórico e político da Unión Europea, incluindo unha análise do conxunto dos Tratados da UE e do proxecto de Tratado Constitucional, o relato da crise do proceso de ratificación da Constitución (que aprobaran a Convención, o Consello Europeo e o Parlamento Europeo) e, dentro do conxunto de cuestións consideradas dentro do epígrafe a Europa esperada, o desafio da presenza mundial da Unión de 500 millóns de cidadáns e cidadás (a primeira potencia económica mundial) como unha potencia civil pola paz e a solidariedade.

Galiza na Unión. A porta atlántica, analiza en primeiro lugar as consecuencias da entrada de Galiza na Comunidade Europea, salientando o esforzo histórico extraordinario da sociedade galega frente a condicións autonómicas e estatais desfavorábeis, e no marco aberto da UE, nun proceso que levou entre 1986 e 2006 á transformación da estrutura económica e social desde un carácter predominantemente agrario e rural a un carácter industrial e urbano. Trata despois da cuestión da presenza na UE das nacións sen Estado, de Escocia a Galiza, como un problema pendente de solución dentro dos Estados e na Unión, das condicións políticas específicas da presenza de Galiza na UE como unha nación no Estado español, e das consecuencias sociais, económicas e linguísticas da desaparición práctica da fronteira galego-portuguesa.

Comparte nas túas redes sociais ou por email