Organizado pola AELG, o cortexo cívico conta co apoio e colaboración de diversos colectivos, máis de 200, o que demostra a actualidade e presenza da escritora no cerne sentimental do noso país.
Un tren, identificado como Follas Novas, partirá da estación da Matanza, ao carón da casa de Rosalía, hoxe ás 17.45 horas, para facer o traxecto Padrón-Compostela. Unha hora antes, ás 16.45, haberá unha concentración na colexiata de Santa María de Iria, no cemiterio de Adina, onde o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, informará do sentido dos actos, á vez que se lerá un poema de Rosalía de Castro.
Na estación de Compostela agardará a comitiva restante, actuando a banda municipal. Xa en Santiago, o cortexo sairá pola rúa do Hórreo cara a Praza do Toural, primeira parada da comitiva, onde haberá unha lectura de poemas de 'Cantares Gallegos', para continuar pola Praza da Universidade e pola Praza de Cervantes, onde se lerán outros poemas de Rosalía.
Finalmente, en San Domingos de Bonaval celebrarase unha audición do Ángelus, de Massenet, e unha lectura de poemas de 'Follas Novas', intercalando actuacións do diversos grupos musicais e artistas participantes, para rematar o acto coa lectura dun comunicado reivindicativo da figura de Rosalía de Castro, cando se cumpren 125 anos da súa morte.
O programa é o que segue:
16.45 Concentración na colexiata de Santa María de Iria, cemiterio de Adina:
Lectura dun poema de Rosalía e marcha a pé até a estación da Matanza, ao carón da casa de Rosalía, para tomar o tren deica Compostela.
17.45 Saída do tren cara a Santiago
18.00 Recepción do tren "Follas Novas" na estación de Santiago de Compostela, onde estará agardando a comitiva restante que non acudiu ao cemiterio e que se sumará neste momento ao cortexo a pé polas rúas compostelás, con actuación da banda municipal. Saída pola rúa do Hórreo cara a Praza do Toural.
18.45 Praza do Toural, primeira parada da comitiva.
Lectura de 3 poemas de 'Cantares Gallegos'.
19.15 Praza da Universidade
Audición do Pietat Signore, de Stradella; lectura doutros tres poemas de 'Cantares Gallegos'.
19.30 Praza de Cervantes
Escaparates da Libraría Couceiro dedicados ás obras de Rosalía. Lectura doutros tres poemas.
19.45 San Domingos de Bonaval
Audición do Ángelus, de Massenet, lectura de poemas de 'Follas Novas', intercalando actuacións dos grupos musicais e artistas participantes, lectura do comunicado/manifesto sobre os 125 anos de Rosalía.
A seguir, o programa do acto en San Domingos:
Recepción no exterior da Igrexa por parte do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez
Coro da Asociación musical "Solfa"
Participarán lendo textos ou cantando: Rosa Aneiros, Uxía, Carlos Negro, Sonia Lebedynski, Yolanda Castaño, Ugia Pedreira, Rafa Villar, Guadi Galego, Francisco Castro, Pilar García Negro e Xabier Díaz.
Lectura do manifesto
Banda da Escola de Música de Rianxo. Himno.
Ofrenda floral

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR