GALICIA DÉIXASE NOTAR EN BOLOÑA

Categoría: Nova

Hoxe celébrase na cidade italiana de Boloña a segunda xornada da Feira Internacional do Libro Infantil no que a Editorial Galaxia ten unha importante presenza ao contar cun espazo propio que, dende o primeiro instante, se converteu en lugar de traballo con ilustradores de todo o mundo, profesionais do libro dos cinco continentes e, en xeral, con todos aqueles que teñen algo que aportar nun dos sectores do mundo editorial sen dúbida máis interesantes e motivadores para os que nos dedicamos á edición.

Para hoxe está previsto que no stand de Galicia se presente o catálogo realizado por GALIX para a Feira, no que, entre outros, se recollen os libros editados por Galaxia en todas as súas coleccións infantís e xuvenís.

Por outra banda, os escritores Antonio García Teijeiro e Fina Casalderrey, convidados pola Asociación Galega de Editores como representantes da nosa literatura infantil, intervirán como protagonistas destacados dentro das actividades desta Feira Internacional.

En definitiva, todo un conxunto de actos para seguir alimentando o soño feliz de crearmos un espazo de felicidade, en forma de libro, para os pequenos e pequenas da casa. Se eles son lectores agora, serán lectores no futuro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email