Galaxia reedita trinta anos despois Baleas e baleas

Categoría: Nova

En 1988 chegaba ás librarías Baleas e baleas, o primeiro e único poemario en galego asinado por Luisa Castro ata a data, e que reaparece agora trinta anos despois convertido nun libro de culto.
Considerado como un dos títulos máis rompedores das últimas décadas do pasado século, o discurso provocador e profético de Baleas e baleas non deixou indiferente nin a crítica nin a lectores. Tanto foi así que aquela primeira edición se esgotou ao pouco de aparecer o libro en circulación e non foi ata 1996, en tradución bilingüe ao castelán, que o puidemos reler. Esta e outras reedicións da obra de Castro son dende hai anos xa inatopables, por iso agora Galaxia volve levar ás librarías Baleas e baleas a partir da primeira semana de xuño. Alfaia das máis importantes renovacións poéticas das últimas promocións, Dombate acollerá agora este clásico contemporáneo nun coidado formato fóra de colección.
Luisa Castro (Foz, 1966) é autora de media ducia de poemarios, entre os que se contan Los versos del eunuco (Premio Hiperión, 1986) ou Los hábitos del artillero (Premio Rey Juan Carlos, 1989), e de novelas e relatos como El somier (1990), Viajes con mi padre (2003), Podría hacerte daño (Premio Torrente Ballester, 2005) ou La segunda mujer (Premio Biblioteca Breve, 2006). Escritora en dúas linguas, tanto en galego como en castelán, é colaboradora habitual na prensa de Galicia e Madrid. Nos últimos anos foi directora do Instituto Cervantes de Nápoles e actualmente dirixe o de Bordeos.
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email