Galaxia reedita O triángulo inscrito na circunferencia

Categoría: Nova

Nos próximos días chegará ás librarías esta reedición do clásico novelístico do presidente da Real Academai Galega

Publicada por primeira vez en 1982, O triángulo incrito na circunferencia convertiríase de contado nun éxito entre os lectores e unha revolución no panorama literario. Gañadora do Premio Blanco Amor e do Premio da Crítica, esta era a primeira achega narrativa dun novísimo Víctor F. Freixanes, que se situaba xa naquel momento entre as figuras máis sobranceiras da literatura galega de fins do século XX.

Agora, 37 anos despois, O triángulo inscrito na circunferencia regresa ás librarías nunha versión revisada polo autor e confírmase como un clásico da narrativa galega contemporánea, unha das creación máis singulares da novelística das últimas décadas. Fresco e intemporal, este é un título fundamental na traxectoria de Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega dende 2017 e exdirector xeral de Galaxia. O triángulo… inaugura unha triloxía que máis tarde se completaría con A cidade dos Césares (1993) e Cabalo de ouros (2010), e que ten como nexo común o espazo imaxinado de Vilanova de Alba, unha ensoñación literaria detrás da cal está a propia Galicia, o seu relato posible, en parte imaxinada e en parte real.
Velaquí pois un título fundamental das nosas letras máis recentes que axiña estará a disposición dos lectores en todas as librarías do país.

Comparte nas túas redes sociais ou por email