“Alba de Gloria” foi o derradeiro discurso que pronunciou Castelao en vida. Tivo lugar no festival do Centro Galego realizado no teatro Argentino co gallo do Día de Galicia, un 25 de xullo de 1948. “Alba de Gloria” é un discurso en que cita as grandes figuras esenciais na configuración da cultura galega. Entre Prisciliano, ao que Castelao chama o “heresiarca decapitado”, e o “gran Don Ramón” (Valle-Inclán), trázase unha Santa Compaña que dá forma narrativa a unha enumeración de figuras relevantes para a historia do noso país. Con todo, o discurso tamén fai fincapé na importancia do pobo, da tradición da xente anónima na configuración da nosa identidade. Un discurso que encerra en si mesmo dous grandes valores: por unha banda, ser unha peza clave para a oratoria en lingua galega e, por outra, ser tamén unha alocución fundamental na traxectoria de Castelao.

Setenta anos despois de ser pronunciado, “Alba de Gloria” regresa agora ás librarías da man da Editorial Galaxia. E faino nunha nova edición co gallo da mostra organizada polo Consello da Cultura Galega no espazo do Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval. Comisariada por Manuel Gago, a exposición pretende plasmar, dun xeito inédito en Galicia e empregando tecnoloxía innovadora, a alocución que Castelao pronunciou en 1948 en Bos Aires. Deste xeito, non atoparemos nesta mostra paneis explicativos, senón interpretacións dramatizadas, infografías interactivas e exemplos de realidade virtual inmersiva. Un labirinto de figuras a tamaño real entre as que atopamos ao propio Castelao dotando de vida novamente cada palabra impresa do discurso.

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR