Galaxia recibe dous premios na Gala do Libro 2019

Categoría: Nova

O pasado sábado, 11 de maio, déronse a coñecer no Teatro Principal de Santiago de Compostela as obras gañadoras da Gala do Libro 2019. E foron dúas as obras da Editorial Galaxia galardoadas nestes premios: Natura, de Iolanda Zúñiga, na categoría de narrativa, e Memoria do corpo, de Xesús Rábade Paredes, en poesía.
A Gala do Libro, organizada pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) consta dunha serie de premios cos que se pretende recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2018 en Galicia. Estas distincións, sen dotación económica, xorden das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de preselección e á valoración e fallo por parte dun xurado externo. Neste caso, a Gala contou coa presentación de Iria Pinheiro e a parte musical correu a cargo de Habelas Hainas.
Natura, de Iolanda Zúñiga é a historia de dúas mulleres, nai e filla, que emprenden unha fuxida deixando atrás unha terra desvastada. A historia dunha civilización destruída na que só existe a salvación nun lugar chamado Natura, onde non hai cabida nin para a intimidade, nin para os recordos ou os sentimentos. Unha loita contra o desexo e a consciencia. Memoria do corpo, de Xesús Rábade Paredes, é un tempo de investigación para o autor, un libro no que dá conta da madurez poética dunha das voces esenciais da nosa literatura. Este libro de poesía é unha viaxe dende o barro por corpos e iniciacións eróticas e camiños que, coma todos os periplos, nos devolven ao punto de partida.

Comparte nas túas redes sociais ou por email