Estes días comeza a chegar ás librarías galegas Versogramas: un documental creativo arredor do panorama internacional da videopoesía que publica a Editorial Galaxia dentro da súa colección Libro-Cinema. Producido por Esferobite, coa coprodución da Televisión de Galicia, trátase do primeiro documental de longa duración en explorar o fenómeno da videopoesía, un xénero artístico de crecente popularidade, e nel participaron vídeopoetas como Yolanda Castaño, Antón Reixa, Iria Pinheiro ou Dionisio Cañas. Dirixido por Belén Montero, con codirección de Juan Lesta, Versogramas estreouse na primavera de 2018 e comezará nos vindeiros meses o seu percorrido por festivais nacionais e internacionais.

O libro que acompaña ao dvd inclúe ademais textos de Celia Parra, Antía Otero, Belén Montero e Manolo González, así como un breve perfil de todos os videopoetas entrevistados. Escribe, por exemplo, Celia Parra, poeta e produtora executiva de Versogramas:

“Que que cousa é esta da videopoesía?, preguntades aínda. Para nós, un xénero audiovisual baseado nun texto poético, que recrea ou amplía a súa atmosfera emdiante o uso creativo da imaxe, o texto, o audio e a música, mantendo unha temporalidade pechada e cunha idea de progresión máis ou menos narrativa.

Mais o importante non son as definicións, e menos nun xénero tan fluido. Oxalá Versogramas sirva para animarvos a descubrilo e crear a vosa propia opinión. Oxalá sexa unha fiestra que prenda o anzol da curiosidade nas bocas, o escintilar da emoción nos ollos e o desexo de facerdes videopoemas nas mans”.

Belén Montero (1970) e Juan Lesta (1971) son realizadores cunha ampla experiencia en proxectos experimentais e multimedia orientados tanto á cultura coma ó video corporativo. Formaron no 98 a produtora Esfirobite, e baixo o nome artístico DSK, realizan sesións de vídeo en directo e proxectos artístico-musicais. Os seus traballos foron seleccionados e premiados en numerosos festivais, (tales como MTV Awards, Escales Documentaires La Rochelle, Cineuropa) e expostos en museos coma o Pompidou (Metz), o CGAC (Santiago de  Compostela) ou o Hangar (Barcelona).  Especialízanse en videoclip, live cinema, documental experimental, desarrollo web e proxectos educativos relacionados co vídeo.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR