Galaxia publica os Premios Torrente Ballester e Raíña Lupa

Categoría: Nova

Nos primeiros días de outubro chegarán ás librarías dous novos títulos nas coleccións Literaria e Costa Oeste: A través do fume de Antonio Piñeiro e A filla do Minotauro de Marilar Aleixandre. Dúas obras premiadas con dous dos galardóns máis importantes do panorama literario en lingua galega convocados pola Deputación da Coruña: o Premio Torrente Ballester de Narrativa e o Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil.
Antonio Piñeiro facíase a finais do pasado 2017 co Premio Torrente Ballester por A través do fume. En palabras do xurado, este é un “relato cunha grande habilidade narrativa que arrisca e funciona como mecano en que a persoa lectora ten que implicarse para construír o quebracabezas até a última páxina”. A través do fume narra as lembranzas dunha muller, Nina, co pano de fondo da emigración galega a Europa. Así, o seu retorno a Galicia, vai acabar sendo o retorno da protagonista a si mesma, un regreso ás vivencias e enigmas do pasado. A relación cos pais, as promesas incumpridas, os soños desgastados, os amores difíciles levan a novela a un final insólito. A través das sensacións, dos retrincos de imaxes, dos momentos, recendos e sons inesquecibles, aparece a potencia literaria dunha obra que, desde o abraio, deixa ao descuberto a historia oculta, íntima e dolorosa, dun drama persoal e colectivo.
Pola súa banda, Marilar Aleixandre lograba o Premio Raíña Lupa pola novela xuvenil A filla do Minotauro, e convertíase na primeira muller en gañar o galardón. O xurado destacaba desta volta “a mestura de tempos históricos” e a “relectura moi actual da mitoloxía grega cunha gran sensibilidade co patrimonio cultural”. A filla do Minotauro é unha historia de aventuras (xénero que leva practicando Aleixandre dende sempre) sobre unha organización clandestina dedicada a salvar obras de arte. Unha novela vibrante que nos deixa sen alento xa dende as primeiras liñas e que, entre outras cousas, nos fará entender que somos, tamén, o noso patrimonio, a historia que nos construíu, o que outras e outros, antes, fixeron por nós. Unha novela, en definitiva, que as e os seareiros da vizosa obra de Marilar Aleixandre recoñecerán como unha das mellores entre as súas.
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email