Galaxia publica en banda deseñada “A batalla de Rande”

Categoría: Nova

Baixo a batuta de David Braña, Pablo Prado leva á banda deseñada a famosa Batalla de Rande, unha obra que sitúa este episodio histórico, como un dos fitos navais da nosa biografía nacional.

Publicado paralelamente en castelán e galego, en Editorial Galaxia, coa colaboración do Concello de Redondela, este cómic recrea un dos momentos bélicos máis importantes da nosa historia. Este feito chamou a atención de escritores como Jules Verne, que plasmou nunha das súas novelas máis coñecidas: 20.000 leguas baixo dos mares, obra que publicamos na colección Lectura Fácil do noso catálogo.

Os autores dan forma, da maneira máis orixinal, a unha batalla mítica, que xa forma parte do imaxinario persoal e colectivo de todas e todos os galegos. A través dunha investigación previa e documentación minuciosa, o dúo Braña e Prado conseguen trasmitir, con todo luxo de detalles, un dos feitos históricos máis relevantes da historia naval galega.

Unha proposta excepcional para coñecer que pasou nese 1702, cando, durante a guerra de Sucesión española, galeóns españois, acompañados por forzas aliadas francesas, arribaron á ría de Vigo co maior tesouro que xamais cruzara o Atlántico. Nunha batalla entre os citados e unha escuadra da coalición anglo-neerlandesa, tivo lugar unha batalla encarnizada, que deixou grandes incógnitas na actualidade. Aínda hoxe segue a ser un motivo de especulación e dende a Editorial Galaxia sumámonos a esta iniciativa que busca poñer en valor e preservar a memoria histórica.

Comparte nas túas redes sociais ou por email