Galaxia publica a biografía de María Victoria Moreno

Categoría: Nova

Recén saída do prelo, chega estes días ás mesas de novidades das librarías do país A voz insurrecta, unha biografía a cargo da crítica e profesora Montse Pena Presas publicada na colección Letras Galegas da Editorial Galaxia que intentará achegar ao gran público a figura de María Victoria Moreno. Unha iniciativa que se suma á reedición da súa obra no catálogo da editorial e a posta en marcha de varias obras teatrais, cartelería, etc.
Escritora, profesora, conferenciante e impulsora de diferentes iniciativas culturais, María Victoria Moreno foi unha muller con facetas moi diversas e cunha capacidade sorprendente para adiantarse ao tempo que lle tocou vivir. Cun estilo áxil, que combina a investigación das fontes co relato biográfico e a análise da obra literaria, Montse Pena Presas achéganos en A voz insurrecta. María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida unha biografía en que a vida da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2018 queda reflectida tal cal era: chea de elementos cotiáns mais tamén coas reviravoltas propias dunha novela. Repleta ademais de fotografías e datos novidosos, este volume dá conta dunha vida intensa na que todas as facetas se combinan a ollos do lector coma nun calidoscopio.  A súa procedencia estremeña e a capacidade de asumir o galego como lingua propia, a entrega constante nas aulas e o compromiso adquirido coa literatura infantil e xuvenil galega, sendo codirectora e fundadora da colección Árbore da Editorial Galaxia, trazan o singular perfil da muller comprometida que quería deixar “un ronsel de amor, un bo exemplo e un libro que descubra algo a quen o lea”.

Comparte nas túas redes sociais ou por email