Galaxia publica Anxel Huete. Unha revisión crítica

Categoría: Nova

A Editorial Galaxia vén de inaugurar unha nova colección en colaboración co MARCO de Vigo, deste xeito, Anxel Huete. Unha revisión crítica convértese no primeiro exemplar de “Libros do MARCO”.
Resultado da exposición que leva o mesmo nome e que se pode visitar na planta baixa do museo vigués ata o 1 de outubro, o libro artellouse dende o inicio coma unha ferramenta que axudase a enfocar nunha dobre vía —expositiva e editorial— esta retrospectiva do traballo de Huete, de maneira que servise para achegarse á figura e traxectoria do artista, funcionando ao mesmo tempo a modo de espello social e cultural das últimas décadas. Así, xunto ao texto curatorial de Agar Ledo, comisaria da exposición eautora tamén da liña de vida ou cronoloxía incluída na publicación, o libro inclúe aportacións de Rosalía Pazo Maside, Manuel Pérez Rúa, Anxo Rabuñal e Isaac Pérez Vicente, que contribúen a contextualizar a figura de Ánxel Huete como artista, e tamén nas súas facetas de pensador, profesor, activista, teórico, vinculado a movementos políticos, asociacións, foros de opinión, e persoa comprometida co seu tempo.
Ánxel Huete. Unha revisión crítica é a primeira presentación que fai un museo da traxectoria de Ánxel Huete (Ourense, 1944), artista indispensable para comprender o discorrer da produción artística en Galicia nas últimas décadas. Defensor da arte como motor de transformación social, compaxinou o labor plástico coa militancia política e a activa participación na organización de eventos fundamentais para a renovación da arte galega e dos seus modos de organización: a exposición de esculturas ao aire libre do Parque municipal do Castro (Vigo, 1974), as mostras da Praza da Princesa (Vigo, 1975), Atlántica (1980-1983), a Asociación Galega de Artistas Visuais (creada en 1997) ou o Foro da Cultura Galega (1999-2001).
Podes ler máis sobre a exposición e o proxecto editorial nesta reportaxe do Diario de Pontevedra.

Comparte nas túas redes sociais ou por email