Galaxia na Guía de literatura infantil e xuvenil para a igualdade

Categoría: Nova

A Asociación galega do libro infantil e xuvenil (GÁLIX), en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade, promoveu a creación dunha Guía de literatura infantil e xuvenil para a igualdade, na que aparecen recollidas cinco obras de Galaxia.
Esta guía ofrece unha selección de libros publicados nos anos 2014, 2015 e 2016, distribuidos en tres tramos en función da idade ou competencia lectora. A finalidade principal desta iniciativa é –en palabras de Pilar Sampedro, Vicepresidenta de GÁLIX-  a elaboración dun novo recurso que posibilite unha nova mirada no camiño da igualdade.As obras recollidas alentan á reflexión e o debate sobre o papel da muller na sociedade ou o concepto de xénero, ademáis de aportar referentes necesarios de mulleres, de novas masculinidades e diversidade de opcións sexuais.
Se afondas nas páxinas desta guía poderás coñecer As terapias da doutora Ledicia de Raquel Castro, unha peza teatral na que a doutora tratará de solucionar os problemas de varios personaxes sen medicación, con afecto, humor e paciencia, facéndolles sentirse a gusto consigo mesmas. Viaxarás ao Mundo dos Contos en Marta e a píntega de Eli Ríos e axudarás a Marta a escribir os contos como as súas protagonistas desexan co fin de evitar que a Lúa se transforme en triangular. Loitarás contra o mal coas protagonistas de Feitizo de sangue e Sangue de Lúa, de Sabela González, da triloxía As crónicas de Landereina e, finalmente, en Maelström, Maelström coñecerás a tres xeracións de mulleres dunha mesma familia e o seu constante intento de conciliar a vida familiar e profesional.
Para acceder ao catálogo completo pincha aquí.
Non deixes pasar a oportunidade de facerte co teu exemplar da Guía de literatura infantil e xuvenil para a igualdade e colaborar neste novo camiño que construimos entre todos.
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email