Galaxia na Festa dos Libros de Pontevedra

Categoría: Nova

Este venres 5 de xullo da comezo a Festa dos Libros de Pontevedra, e Galaxia non podía faltar nesta tan agardada cita para os amantes da literatura. Ao longo de toda a fin de semana terán lugar diversas actividades apoiadas pola Editorial e destinadas a todos os públicos.
O venres abrimos a Festa coa sinatura de Iria Collazo ás 11:30h de A casa do paralelo 54, no posto do Espazo Lector Nobel, e ás 21:00h rematamos as actividades desta primeira xornada coa presentación de Iridium, de Francisco Castro.
O sábado 6 de xullo arrancamos con Diego Giráldez, que estará asinando exemplares de Hotel para coleccionistas discretos no posto do Espazo Lector Nobel ás 12:30h. Ás 13:00h teremos unha actividade especial, coordinada pola Libraría Paz, chamada “Enfiando lecturas”, na que participarán Antón Lopo, autor de Extraordinario e Adolfo Caamaño, autor de Matar ao heroe. A partir das 18:00h contaremos con varias presentacións: Castelao. Construtor da nación. Tomo I de Miguel Anxo Seixas Seoane, seguida da de Extraordinario, de Antón Lopo ás 20:00h e a de As Ramonas de Ana Cabaleiro ás 20:30h. Finalmente, teremos unha sinatura golfa, tamén organizada pola Libraría Paz, ás 22:00h, na que estarán asinando exemplares das súas obras algúns autores desta casa como Adolfo Caamaño, Antón Lopo, Ana Cabaleiro, Daniel Asorey, Xesús Constela e Xosé Monteagudo.
O último día, domingo 7 de xullo, pechamos a nosa xeira na Festa dos Libros de Pontevedra coa sinatura de Fonso Barreiro de Troglo e Dita, un dos favoritos dos máis pequenos, ás 13:00h no posto da Libraría Paz.
Agardámosvos!

Comparte nas túas redes sociais ou por email