Xa se pode ver a partir de hoxe, en formato virtual, a V Gala do Libro Galego 2020 na que dous libros de Galaxia resultaron premiados o pasado maio. Conducida por Quico Cadaval, podedes visionala premendo aquí.

Na categoría de Divulgación, gañou o premio A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro, de Juan Casto Rivadulla Fernández e ilustrado por Nuria Díaz.

O xurado destacou desta obra que explica dun xeito sinxelo e ameno todas as singularidades do cerebro. É un libro que responde á demanda de contar con máis libros de divulgación científica ben editados, ilustrados e en galego, que estean, como este, dirixido a un público moi amplo en idade e intereses.

Na categoría de Iniciativa Bibliográfica, a obra escollida foi Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane, editado pola Editorial Galaxia en conxunto co Consorcio de Santiago de Compostela.

Para o xurado é unha obra monumental, amplamente documentada e que responde ao traballo dunha vida de investigación, ademais de ser o inicio dun conxunto de tomos imprescindible para a historia de Galicia.

É toda unha honra recibir estes galardóns tendo en conta o alto nivel das obras presentadas. Non perdades a V Gala do Libro Galego. A primeira en formato virtual.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR