Galaxia e Xosé Monteagudo presentan en Pontevedra no Café Moderno "Esta historia".

Categoría: Nova

Carlos Lema, Antón Sobral e Xesús Constela acompañan ao escritor de Moraña na presentación da súa última novela Esta historia que Galaxia acaba de sacar do prelo.

Monteagudo foi Premio Blanco Amor de novela no ano 2002 coa obra As voces da noticia, tamén editada por Galaxia.

Nesta nova novela o morañés descóbrenos o que hai detrás dunha vida, cóntaa e sorpréndenos coas mudanzas dun destino imprevisto. A través da conversa de dous amigos, a novela revela o misterio dun personaxe engaiolante.

Eficacia narrativa orixinalidade é intensidade son as claves da novela de Xosé, segundo dixo o seu editor Carlos Lema.

Con esta obra, di o autor, quixo introducir ao lector na vida de Charli Gómez, un universitario que engaiola a todos os que o coñecen polo seu espírito libre e imprevisible. Anos despois un amigo, convertido en escritor intenta saber que foi do vello amigo Charli, como rematou a súa historia.
Unha novela que vai dos anos universitarios ao afundimento das ilusións, da mocidade á vida familiar, a novela tece e destece o fío dunha existencia que sorprende de contino.

O papel das lembranzas e o paso do tempo, a idea que cadaquén se fai dos demáis e o peso das circunstancias modifican paso a paso o relato convertendo a novela na busca da verdade, na aventura literaria dun personaxe que sorprende a cada reviravolta do camiño.

Un libro de narrativa que deixa un sinal perdurable e nos achega a un escritor de auténtica cerna literaria.

Comparte nas túas redes sociais ou por email