Galaxia e Xerais presentan xuntas os últimos libros de Alonso Montero

Categoría: Nova

Os escritores galegos ante a guerra civil española, 1936-1939 (Galaxia) e Intelectuais marxistas e militantes comunistas en Galicia, 1926-2006 (Xerais) son os títulos dos dous libros, que en certa maneira se complementan, segundo explicou o autor na presentación en Santiago de Compostela. "Trátase dunha análise metódica, crítica e rigorosa do papel dos intelectuais galegos e galeguistas durante a guerra civil, o que inclúe a recuperación de non poucos textos inéditos que o lector pode interpretar e valorar independentemente", engadiu.

Luces e sombras. Así definiu Víctor F. Freixanes, director de Editorial Galaxia, a realidade de escritores e intelectuais durante este período. "A madureza da nosa realidade obríganos a asumir e comprender críticamente moitas destas cuestións". Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia, insistiu na significación de Alonso Montero como estudoso da literatura galega contemporánea.

Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas, Álvaro de las Casas, Luís Seoane, Celso Emilio Ferreiro, Aquilino Iglesia Alvariño, Álvaro Cunqueiro, Vicente Risco, o xornalista Augusto Assía, Montero Díaz, Enrique Líster, Lourenzo Varela, Suárez Picallo, etc… son estudados non tanto dende os seus textos literarios coma dende os seus textos e pronunciamentos políticos e ideolóxicos, así como a través das súas actitudes públicas e nalgúns casos mesmo privadas. A correspondencia persoal foi unha das fontes máis utilizadas polo autor, quen exhuma nestes volume numerosos textos da época, pouco coñecidos ou inéditos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email