Galaxia colabora no Mapa Literario de Vigo

Categoría: Nova

O pasado luns, co gallo do Día do Libro, a Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas, presentou ao público o seu Mapa Literario de Vigo. Con este proxecto, afirman dende a Biblioteca “queremos amosar a importancia da nosa cidade dentro da literatura. Pretendemos que sexa un proxecto vivo que vaia medrando cos novos títulos que aparezcan e que teñan como espazo as rúas da nosa cidade; tamén que sexa un traballo colectivo no que quen queira colabore para completalo, indicando algún título que nos quedou atrás ou sumando algunha nova parada ou localización que non estea incluída ou se vaia creando”.
Na actualidade o mapa conta con dez liñas, nove na cidade e unha marítima da Ponte de Rande ás Illas Cíes, e entre os títulos escollidos para formar parte desta actividade de ampliación das marxes da literatura, algúns de Galaxia: O lobishome de Candeán de Paula Carballeira; Amor é unha palabra coma outra calquera, Tes ta as dez e Xeración perdida de Francisco Castro; Oitocentos de Xavier Franco Alonso; Un tipo listo de Xosé Monteagudo; Adiós, María de Xohana Torres; Lois e Helena buscándose un día de tormenta de Manuel Veiga; ou A praia dos afogados e Ollos de auga de Domingo Villar.
Así pois, animádevos a pasear Vigo cun libro debaixo do brazo e non deixedes de colaborar para manter vivo este proxecto.

Comparte nas túas redes sociais ou por email