Galaxia co teatro en galego

Categoría: Nova

Co gallo do 27 de marzo, Día do Teatro, en Galaxia aproveitamos para facer repaso polas nosas últimas novidades no xénero e tamén para falar do que está por vir. Nos últimos anos, a nosa aposta pola dramaturxia en galego para todos os públicos viuse reflectida non só entre os títulos do catálogo vivo da Editorial, senón tamén a través de iniciativas doutra tipo: dende a colaboración con institucións e asociacións ata a creación de premios literarios.
Hai uns días soubemos que dúas das nosas últimas novidades teatrais para o público infantil e xuvenil, A formiga fóra do carreiro de Raquel Castro e A derradeira bala de Fernando Castro Paredes, foran recoñecidas e incluídas no catálogo que cada ano elabora a Oepli (Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil) co mellor publicado no estado para as lectoras e lectores en formación.
Entre os libros que están por vir: Estrelecer, unha peza teatral de Carlos Labraña que verá a luz na colección Costa Oeste para o público xuvenil, e que chegará ás librarías nas vindeiras semanas; e a compilación do teatro infantil dun clásico de noso, Bernardino Graña, que verá a luz mediado o ano dentro da nosa colección Árbore. A estes dous títulos, sumarase o noso compromiso anual coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, con quen vimos construíndo un dos catálogos referenciais na difusión das principais prácticas dramáticas internacionais.
E por suposto, non esquecemos a convocatoria do II Premio Roberto Vidal Bolaño, cuxo prazo para a recepción de orixinais remata o vindeiro 1 de abril. Un certame que nace pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato. Convocado poloo Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia, o obxectivo final é contribuír a crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados por alumnado do ensino secundario.

Comparte nas túas redes sociais ou por email