Galaxia celebra a Rosalía de Castro

Categoría: Nova

Hoxe, 24 de febreiro celebramos o 181º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, autora maior das nosas letras, e facémolo cun breve repaso da pegada rosaliana no catálogo de Galaxia.
Dende as edicións da propia obra da autora, dúas de Cantares gallegos e unha de Follas novas, ata o clásico de Ramón Otero Pedrayo, Rosalía, no que a través do diálogo dramático descubrimos un dos perfís da figura dunha muller por veces misteriosa e achegámonos ao misterio da súa fondura lírica.
Moitos dos misterios arredor da vida e a obra de Rosalía de Castro resolvíaos a profesora María Xesús Lama no primeiro volume da súa completa e novidosa biografía Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), un dos grandes libros publicados o pasado ano e que está chamado a ser un volume imprescindible dentro dos estudos rosalianos.
E pechamos o noso breve repaso con dúas propostas musicais: Na lingua que eu falo, un diálogo entre Rosalía de Castro e a voz fonda de Najla Shami, unha actualización da poeta ao século XXI; e Rosalía pequeniña, un traballo de Uxía para descubrirlles aos máis pequenos a obra de Rosalía de Castro gozando e bailando.
Sexa como for, a través de adaptacións, filtrada polos ollos e as voces doutros, ou directamente a través dos seus poemas, non deixedes de ler e celebrar a Rosalía de Castro, e que calquera ou todos os días do ano, sexan 24 de febreiro na nosa lingua.

Comparte nas túas redes sociais ou por email