Co inicio do ano, na Editorial Galaxia comezamos a preparar os que serán os títulos cos que encheremos os andeis das librarías nesta primeira metade de 2019: novidades para todos os públicos e todos os gustos que non poderedes deixar de ler.
Así, en Literaria, a nosa colección de narrativa para adultos, destaca a chegada ás librarías o vindeiro 6 de marzo de O último barco, a nova e moi agardada novela de Domingo Villar coa que se pecha a triloxía protagonizada polo inesquecible inspector Leo Caldas, unha serie policial que leva milleiros de exemplares vendidos en Galicia e que culmina por fin con este terceiro volume. Algo antes chegarán: Sándalo de María Xosé Porteiro, Os largos e longos campos de liño azul de Isaac Xubín, Hotel para coleccionistas discretos de Diego Giráldez, Tres minutos no aire de Miguel Anxo Murado e Por puntos, a novela coa que Manuel Portas gañou o Premio Blanco Amor 2018. E xa pasado marzo, teremos tamén novos títulos de Arantza Portabales e Berta Dávila e aterrará nas mesas de novidades Camiño de paixóns, a obra que lle mereceu a Carlos Meixide o Premio de Novela Camiño de Santiago 2018.
Na colección Dombate de poesía abriremos o ano cun novo libro de Carlos Callón e encetaremos a primavera coa chegada de A herba de namorar, un repaso polos 20 anos de carreira poética de María do Cebreiro. Haberá tamén tempo para o diálogo cun libro a catro mans entre Xavier Queipo e Ramón Neto; e recuperaremos os poemas de Fiz Vergara Vilariño coa escolma Non deixes que a tardiña me sorprenda, que aparecerá na colección Letras Galegas.
A colección Sonárbore serguirá medrando cos maís pequenos e dándonos alegrías co novo libro+cd de A Gamola Gominola. Mentres que na colección Árbore de literatura infantil destacan A casa do paralelo 54 de Iria Collazo ou Soleando de An Alfaya. E apostaremos especialmente polo álbum infantil, dos que neste 2019 publicaremos entre outros Fina, a pirata de Helena Villar Janeiro.
A primavera será tempo para o ensaio cun novo volume sobre estudos sociolingüísticos a cargo de Henrique Monteagudo e a publicación de Os amorodos de Bergman de Fernando Redondo Neira, Premio Ramón Piñeiro 2018. E xa case no verán, daremos ao prelo na nosa Biblioteca de Intervención Social e Didáctica Ler en violeta de Montse Pena Presas.
Co inicio do 2019 chegarán tamén algúns libros singulares, como Antes molabamos máis, onde repasaremos os 15 anos de historia gráfica da marca reizentolo, ou o primeiro volume da biografía de Castelao a cargo de Miguel Anxo Seixas. E publicaremos tamén na nosa colección de Lectura Fácil a adaptación do clásico Os dous de sempre, da man da Asociación Juan XXIII.
A todos estes novos títulos só queda sumarlles a nosa intensa campaña de recuperación e edición das obras de Antón Fraguas, autor homenaxeado coas Letras Galegas neste 2019, que irán chegando paseniño ao noso catálogo. Unha obra sobre a que han deitar luz a biografía do autor, desta volta a cargo da profesora e editora Malores Villanueva, e unha achega novelada á súa vida para o público infantil asinada por Xosé A. Neira Cruz.
Por diante, un 2019 intenso e cheo de novidades!

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR