Fund Otero Pedrayo

A Fundación Otero Pedrayo

Ramón Otero Pedrayo deixou unha manda no seu testamento pola cal legaba a súa Casa Grande de Trasalba á cultura galega e a Galicia, representada ao efecto pola Editorial Galaxia.

Como fórmula xurídico-administrativa decidiuse crear unha fundación que foi recoñecida por orde ministeiral do 19 de xullo de 1979. Máis tarde foi tamén recoñecida pola Xunta de Galicia como Fundación de interese galego.

A Fundación Otero Pedrayo é unha fundación cultural de dereito civil.

O seu obxectivo manter a promoción da memoria colectiva do “Patriarca das Letras” Ramón Otero Pedrayo a través da custodia da súa Casa Museo de Trasalba, no concello de Amoeiro (Ourense).

Para cumprir os seus obxectivos a Fundación promove unha Asociación de Amigos de Otero Pedrayo e realiza unha serie de actividades arredor dunha festa anual que se celebra o último domingo do mes de xuño e na que se entrega o Premio Trasalba a unha persoa sobranceira da cultura galega e se presentan as edicións do Padroado.

Otero Pedrayo en 1950

A casa museo de Trasalba

Fundación Otero Pedrayo

A Casa Museo de Ramón Otero Pedrayo, residencia habitual do escritor, encóntrase no lugar de Cima de Vila, en Amoeiro, parroquia de Trasalba, ao noroeste da provincia de Ourense.

As vizosas terras de Trasalba e os contactos humanos que alí se desenvolveron fan que Otero descubra as esencias da cultura tradicional, da lingua, da paisaxe e da cultura galegas. A casa de Trasalba e as súas paisaxes permitennos entender mellor o pensamento oteriano, un dos referentes simbólicos do noso pasado recente. A Casa de don Ramón constituía un dos referentes da personalidade culta de Galicia e da conciencia do ser específico, incluso nos momentos dificiles da posguerra. Por esta casa pasaron multitude de amigos e irmáns na conciencia galeguista que ían escoitar a palabra xererosa e poliédrica de don Ramón e a falar de angueiras e proxectos comúns.

A Casa Museo é un centro de cultura viva, dinámica e aberta ao público xeral e aos investigadores. A Fundación Otero Pedrayo posúe a Biblioteca Otero Pedrayo, un Salón de Actos e unha librería. A inmensa maioría dos manuscritos e documentación de Otero Pedrayo atópase na Fundación Penzol, en Vigo, pero os libros da súa biblioteca particular permanecen na súa Casa Museo e están á disposición do público.

O salón de actos, feito en 1993-94 nas vellas adegas da casa, acolle as actividades públicas da Fundación e da Asociación de amigos. e está aberto para realizar congresos, xuntanzas de carácter cultural ou científico.

Visita a Fundación Otero Pedrayo

Descubre todo o que hai detrás desta fundación e da historia da persoa á cal representa

Fund_Fund Isla Couto
Fund_Fund Penzol
Fund_Ed Galaxia

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR