Desta volta, logo de As terceiras mulleres, o seu anterior libro de ensaios, reflexiona sobre a desaparición e a literatura como un dos mecanismos de representación histórica. Neste contexto, o poético quedaría definido como "a zona de resistencia e de desafío aos enunciados da política formal, mesmo cando esta se presenta como contrapoder".

María do Cebreiro Rábade Villar estuda en Fogar impronunciable as implicacións políticas das figuras espectrais na poesía galega, procurando na representación das pantasmas síntomas dunha perda colectiva que aínda non foi reparada e analizando o modo no que a propia cultura galega funcionou historicamente dun xeito espectral. Como pano de fondo, a tensión entre a condicionalidade precaria dos espectros e as demandas dunha identidade colectiva "estable". Dun modo paradoxal, algúns dos escritores galegos máis canonizados pola historiografía galeguista non se debuxan como creadores de narrativas colectivas, senón como forxadores dunha misteriosa comunidade de pantasmas que dalgún xeito aínda nos fala.

Da Comedia de Dante ao Hamlet de Shakespeare, dos Espectros de Henrik Ibsen á "Estranxeira na súa patria" de Rosalía de Castro, a figuración espectral acadou un grande relevo na literatura do pasado e segue a resoar na do presente. Mais só recentemente a pantasma ten sido estudada como chave de acceso ao estudo das conexións entre literatura, historia e ideoloxía.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR