Fina Casalderrey, Premio da Cultura Galega 2015 na modalidade de Letras

Categoría: Nova

A escritora Fina Casalderrey, o debuxante Miguelanxo Prado, a actriz María Bouzas, o cineasta Ignacio Vilar, o Real Coro Toxos e Froles, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, e a investigadora Kathleen Nora March son os galardoados nas diferentes modalidades dos Premios da Cultura Galega 2015, que teñen como obxectivo recoñecer e poñer en valor a traxectoria dos persoeiros ou entidades máis salientables nos diferentes ámbitos das manifestacións culturais do país.
O xurado destes galardóns, presidido polo conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e conformado por representantes das principais institucións culturais e profesionais, reuniuse hoxe na Cidade da Cultura de Galicia para determinar, entre máis de 40 candidaturas, os galardóns das oito modalidades que conforman os premios: Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Patrimonio Cultural, Proxección Exterior, Música, Audiovisual e Lingua.
Na modalidade de Letras a premiada foi a escritora Fina Casalderrey, cunha traxectoria profesional vinculada á literatura infantil e xuvenil que se traduce en máis de 50 títulos. Mestra de profesión, esta autora conta cun importante recoñecemento por parte do público que lle outorgou numerosos galardóns, entre os que destacan o Premio Merlín 1991, o Barco de Vapor 1994, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1996 e o Álvaro Cunqueiro en 1999, entre outros. Tamén foi recoñecida coa Medalla Castelao en 2003. A súa obra, que destaca polo coidado no uso do idioma e o manexo de diferentes rexistros, foi traducida a varias linguas como o español, o inglés, o italiano, o francés, o portugués, o catalán, o éuscaro, o coreano ou o bretón.
Na categoría de Audiovisual o premio recaeu este ano no cineasta Ignacio Vilar. Tras as primeiras experiencias audiovisuais en Barcelona, no regreso a Galicia monta a produtora Vía Láctea Filmes, coa que crea curtas en 35mm, documentais e series documentais para televisión. Posteriormente pásase á longametraxe e dirixe os filmes Ilegal (2001), Un bosque de música (2003), Pradolongo (2007), Vilamor (2011) e A esmorga (2014). Esta última obtivo unha grande acollida de éxito de público e crítica, logrou estrearse no resto de España e bater o récord de carteleira de 12 semanas. Con 16 nomeamentos dos premios Mestre Mateo 2014, foi tamén candidata aos Premios Goya 2015 na categoría de mellor guión adaptado. O director ourensán, con filmes exitosos rodados en lingua galega, atópase gravando a súa nova longametraxe, que levará como título Sicixia.
Xunto co titular de Cultura e Educación formaron parte do xurado o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o xerente do Consello da Cultura Galega, Marcelino Fernández Santiago, en representación do presidente deste organismo; Henrique Monteagudo e Manuel Quintana Martelo en representación da Real Academia Galega e da de Belas Artes, respectivamente; Carmen Prieto Ramos, directora do Arquivo do Reino de Galicia; Carlos Ares Pérez, presidente da Academia Galega do Audiovisual; a galerista Asunta Rodríguez; e a intérprete Rosa Cedrón. Actuou como secretaria Cristina Fabeiro, subdirectora xeral de Xestión e Coordinación Cultural.
A Xunta de Galicia convoca cada ano os Premios da Cultura Galega co obxecto de apoiar a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia nos diferentes ámbitos. Estes premios son un recoñecemento colectivo á traxectoria e á calidade do traballo de persoas e entidades a prol do desenvolvemento cultural.

Comparte nas túas redes sociais ou por email