Filoloxía de Vigo lembra a Otero Pedrayo no 40 cabodano do seu pasamento

Categoría: Nova

Este domingo cumpríronse 40 anos do pasamento de Ramón Otero Pedrayo, todo un patriarca das letras galegas, símbolo da Xeración Nós e da recuperación cultural de posguerra. Conscientes da importancia de lembrar esta data a Facultade de Filoloxía e Tradución organizou para este luns a xornada titulada Abril Oteriano. O fondo Otero Pedrayo na Fundación Penzol, unha iniciativa coa que achegar ás novas xeracións de filólogos e filólogas os ricos e variados fondos do escritor ourensán que, por vontade testamentaria, están depositados no arquivo da Fundación Penzol dende o ano 1977, un valioso corpus documental de consulta imprescindible para o estudo e a investigación da súa vida e obra, así como de moitos dos seus compañeiros de xeración.

A xornada, que se celebrou no salón de actos do centro, contou coa participación de Antón Vidal que, tras xubilarse do seu cargo como responsable da Asesoría Xurídica da Universidade de Vigo, asumiu a vicepresidencia da Fundación Penzol; Malós Cabrera, padroeira da Fundación Penzol; Antía Monteagudo e Silvia Penas, investigadoras da Universidade de Vigo especializadas na obra de Otero Pedrayo e Patricia Arias, secretaria da Fundación Otero Pedrayo e coautora dunha fotobiografía de Otero publicada hai pouco máis dun ano.

"Traballos cos que manter vivo o discurso do galeguismo"
"Para nós é moi importante estar aquí, porque do que se trata é de achegarnos a toda esta canteira de filólogas e filólogos, investigadores aos que queremos animar para que traballen a figura deste escritor", subliñou Patricia Arias Chachero, que animou ás novas xeracións de profesionais a empregar para isto os fondos da Penzol , "que están aí e son inmensos e riquísimos". Nesta liña Malós Cabrera, padroeira da fundación, resaltou o feito de que o se pretende con este tipo de actos "é divulgar a existencia das nosas fundacións, da súa riqueza patrimonial e cultural e, sobre todo, poñelas en valor para que a xente investigue e se sigan producindo traballos cos que manter vivo o discurso do galeguismo".

No transcurso da actividade, á que tamén se achegaron docentes como Manuel Forcadela, Antón Palacio, Arturo Leyte ou Camiño Noia, a investigadora Silvia Penas, lembrou como foi o proceso ata chegar a Xeórxicas do Pan, poemario inédito de Otero, do que é coautora, xunto a Ana Belén Crespo e o propio Forcadela e que viu a luz froito do traballo do grupo de investigación Gaelt da Universidade de Vigo na Fundación Penzol, onde analizaron parte do voluminoso conxunto de textos manuscritos do autor que posúe a fundación. Penas contou a súa visión de como foi para ela o día a día de traballar cos manuscritos da Penzol ata chegar aos propios contidos das Xeórxicas "que sitúan a Otero tamén como poeta e non só como narrador".

Un legado "monumental e importantísimo"
Se ben estaba previsto a participación no acto do presidente da Fundación Penzol, Francisco Domínguez, cuestións de saúde provocaron que finalmente fose o vicepresidente, Antón Vidal, quen se encargase de presentar e afondar na figura do impulsor da fundación, Fermín Penzol , así como de aproximarse a todo o grupo xeracional que había ao seu arredor, e os motivos que levaron á creación desta fundación na cidade de Vigo.

Tras a presentación realizada por Antón Vidal, Malors Cabrera foi a encargada de describir máis en detalle os fondos de Otero na Penzol, un legado ao que se referiu como "monumental e importantísimo" , importante non só polo seu autor, "unha das figuras clave da cultura galega e do galeguismo", senón polas súas dimensión, "moi voluminosa" e polo seu carácter "multiforme", xa que, entre outros, inclúe un arquivo fotográfico composto por máis de 1300 fotografías e múltiples debuxos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email