Fallo do Premio Ramón Piñeiro 2007

Categoría: Nova

O ensaio premiado nesta sétima edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 6.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia o próximo ano, aborda o tema da paisaxe e a súa estreita relación coa cuestión identitaria, fundamental no caso da sociedade e da cultura galegas.

María López Sández, que é doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola Universidade de Santiago de Compostela, fai unha proposta de análise que parte do imaxinario social do nacionalismo para se achegar á paisaxe como espazo, como ideoloxía e como fundamento da identidade nacional. A paisaxe na pintura, a dimensión espacial e xeográfica dos fenómenos literarios e a xerarquización do territorio analizada a través dos mapas leva á autora a realizar un exhaustivo balance das diferentes concepcións da idea de paisaxe para concluír na noción do espazo como creación.

O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Luís Alonso Girgado, Alexandre García-Caballero, Manuel González González, Dolores Vilavedra Fernández e Carlos Lema, e salientou a calidade dos oito orixinais presentados, así como a variedade de temas abordados neles.

Comparte nas túas redes sociais ou por email