No día de hoxe falecía en Roma aos 93 anos Andrea Camilleri, creador do xa inmorrente comisario Montalbano e de ducias de novelas.

Camilleri publica a súa primeira novela, Il corso delle cose, no ano 1978, cando xa pasaba dos sesenta anos, unha singularidade, a de ser un escritor serodio, que marcaría tamén o seu xeito de entender a literatura. Autor inmensamente prolífico, a partir dese momento a súa obra non deixaría de medrar en títulos e en aceptación entre os lectores de todo o mundo.

Ademais das novelas do inspector Montalbano, entre as que se pode salientar La forma dell’acqua (1994), Il cane di terracotta (1996) e La voce del violino (1998, Premio Flaiano), é autor dunha obra narrativa ampla, pola que obtivo o Premio Vittorini con Il birraio di Preston e o Premio Elsa Morante con La mossa del cavallo. Durante corenta anos foi guionista e director de teatro e televisión.

Entre 2006 e 2007, Galaxia publicaría en galego as súas novelas A pensión Eva e A pista de area, en tradución dende o italiano de Carlos Acevedo.

En A pensión Eva, Camilleri trasládanos a unha pensión da vila siciliana de Vigatà durante os convulsos anos da II Guerra Mundial. Mentres homes e mulleres matan e morren, ao redor da Pensión Eva concéntrase a historia íntima do pobo siciliano. Unha historia que se personifica no espertar da curiosidade dun rapaz polo sexo e remata coa descuberta do amor, nun intento por entender o mundo e chegar a saber que é o que realmente importa. Un espazo prohibido, o da pensión, que esconde as fantasías eróticas e tamén as arelas dunha sociedade atormentada pola guerra e o fascismo. Unha novela tenra que non evita certa crueldade, e que engaiola polos personaxes, moi próximos aos das películas de Fellini, nos que a aparente tolería agacha, en realidade, unha inmensa verdade.

O comisario Montalbano fala galego en A pista de area. Unha mañá, Montalbano descobre diante da súa casa o cadáver dun cabalo, sacrificado dun xeito brutal. ¿Trátase dunha ameaza, é un sinal ou un aviso? ¿Que sentido ten esa morte? A partir dese estraño achado, a investigación vaino poñer en contacto co luxoso e tamén ridículo mundo da equitación e da alta sociedade, cunha fermosa amazona e, en contraposición, cos primeiros síntomas da propia decadencia.

Velaquí dúas obras ás que regresar para homenaxear a un dos escritores máis populares do noso tempo.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR