Falece o escritor e xornalista Arturo Lezcano

Categoría: Nova
O escritor e xornalista Arturo Lezcano finou onte, aos 79 anos de idade, na Coruña. Foi director de Ferrol Diario e redactor xefe de La Voz de Galicia; no ámbito da literatura era moi coñecido polo seu vencello con Vicente e Antón Risco. Precisamente a última obra de Arturo Lezcano publicada por Editorial Galaxia (2013) foi o libro de conversas con Antón Risco, titulado Risco segundo Risco. En 1987 recibiu o Premio de Xornalismo de Galicia e en 1991 obtivo o Premio Julio Camba. Como narrador deuse a coñecer na Antoloxía da literatura fantástica en lingua galega, de Antón Risco (1993), e máis tarde publicou Os dados de Deus (1994), un libro de relatos no que aparecen moitas das liñas temáticas dos contos fantásticos e de terror de Só os mortos soterran os seus mortos. Foi vicepresidente da Fundación Risco.

Comparte nas túas redes sociais ou por email