Extraordinario, de Antón Lopo, converteuse na primeira novela en galego que entra no selecto grupo de obras recomendadas polo Pen de Estados Unidos, unha das organizacións máis prestixiosas do país. O recoñecemento chega a través da tradución que realizou Jacob Rogers e que lle valeu a célebre bolsa anual do Pen e da Fundación Heim. Extraordinario logrou con anterioridade o Premio da Crítica española á mellor novela en galego do ano 2018 e o Premio de Narrativa Breve Repsol 2018.
A iniciativa do Pen pretende promover a publicación e facilitar a recepción de obras traducidas ao inglés co obxectivo de aumentar o pouco número de traducións que aparecen nesta lingua. Foron máis de 260 os proxectos presentados este ano, dos que o xurado seleccionou once, pertencentes a dez idiomas diferentes. Entre os autores e as autoras seleccionados figuran Fabio Morabito, a cineasta Natalia Meshchaninova, Cristina García Morales, a activista africana Monique Ilbouopo ou Sandra Petrignani, unha das máis famosas escritoras italianas actuais.
Sobre Extraordinario, o xurado salienta o “vívido retrato” que Lopo realiza sobre a Galicia actual e a dos últimos anos da ditadura de Franco. Trátase tamén, engaden, dun “entrañable relato” sobre un rapaz de orientación queer que medra nunha sociedade represiva e que se converte nun bisexual que traballa como acompañante. Da novela salientan o abano temático que aborda, desde a emigración, a inmigración, o cambio de clima e a distancia entre o urbano e o rural en Galicia.
Jacob Rogers, que traduciu tamén varios poemas de Lopo ao inglés, asegura que Extraordinario o atrapou “desde a primeira páxina, en que comprendín que non podía parar de ler”. “O que me pasou con esta novela é unha das mellores guías que teño como tradutor: máis que gozar dela, quedei totalmente abraiado ante ela, de maneira que a miña única resposta foi un desexo intenso de traducila”.
Máis información premendo aquí.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR