Xosé Tomás presenta NÓMADES na Coruña

Categoría: Nova

Xosé Tomás presenta a novela gráfica 'Nómades'. Estará acompañado polo editor, Francisco Castro, e o debuxante Miguelanxo Prado.

Literatura e debuxo danse a man neste libro fermosamente traballado polas artistas mans de Xosé Tomás, de tal maneira que se converte, a súa lectura, nunha experiencia estética completa.

As mulleres de NÓMADES son persoas que o arriscan todo para cruzar o mar polo futuro dos seus fillos; mozas e mozos que se prostitúen para enviar diñeiro á casa, coa aceptación tácita das súas familias, que "non preguntan"; mulleres que adquiren unha cualificación profesional e académica e que chegan a situarse comodamente na sociedade, pero sen que por iso sexan de todo aceptadas; anciás que se equivocan ao emigrar, porque xa é tarde para acadar a integración; empregadas do fogar sen papeis que non inspiran nin mágoa, porque son, no fondo, un problema económico e legal; e nenas que se integran, que se abren camiño con normalidade na nova sociedade e borran toda pegada dun pasado de dor e indefensión.

Xosé Tomás ten desenvolvido a súa actividade maioritariamente no eido da ilustración e do humor gráfico. O seu debú monográfico en BD chegou coa obra Tolos, para a Universidade da Coruña. Colaborou no suplemento "Xatentendo.com" de "La Voz de Galicia" e traballa como debuxante nas edicións da Coruña e de Carballo deste xornal. Tamén fixo ilustracións e cómics para a Revista "Plis-Plas" (Radio Galega / Xunta de Galicia). Participou habitualmente na primeira etapa de "Golfiño", realizando pasatempos e a serie "Luzbell". Conduciu diferentes obradoiros sobre BD e expuxo obra en mostras do Museo do Humor de Fene. Para Galaxia ten ilustrado libros como Flis-fli-ris-flás de Araceli Gonda ou Vou ter un irmán! de María Solar.

Comparte nas túas redes sociais ou por email