Sinatura con Pablo Prado, na Feira do Libro de Ponteareas

Categoría: Nova

O día 10 de xullo, ás 20:00 h, celebrarase a sinatura de O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila e Pablo Prado, na Feira do Libro de Ponteareas. Asistirá ao encontro o ilustrador Pablo Prado.
Logo do éxito recollido pola novela de Berta Dávila, a autora, abeirada á pluma certeira de Pablo Prado, ofrécenos esta novela gráfica. De novo os mesmos personaxes atrapados polas paixóns da alma máis contraditorias. Capaces de amar, de odiar, de agochar segredos que só poden saír cando a vida chega á súa fin.
Escritora e debuxante en simbiose incrible para facer unha novela nova que, sendo a mesma, é radicalmente diferente.
Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é autora de poemarios como Corpo baleiro(2007) e Raíz da fenda (2013, Premio Johán Carballeira, Premio da Crítica española, Premio da AELG). No eido da narrativa, iniciouse con Bailarei sobre a túa tumba (Premio Biblos de Novela, 2008), á que seguiu o libro de relatos A arte do fracaso (2010), traducido para o castelán e o xaponés. Recibiu o Premio de Narrativa Breve Repsol en 2013 por O derradeiro libro de Emma Olsen, obra que obtivo o Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción 2013. Tamén foi nomeada pola AGE autora do ano en 2014.
Pablo Prado (Ourense, 1987) ilustrador, caricaturista e autor da adaptación a banda deseñada de O derradeiro libro de Emma Olsen (2020), a partir da novela orixinal de Berta Dávila (2013). Autor no libro colectivo O Picoto do Pai (2017). Tamén publica BD e humor gráfico en revistas como A viñeta de Schrödinger, ou en xornais como Novas do Eixo Atlántico ou A Peneira.

Comparte nas túas redes sociais ou por email