Sinatura con Francisco Castro, na Feira do Libro de Ponteareas

Categoría: Nova
O día 9 de xullo, ás 21:00 h, celebrarase, na Praza Maior de Ponteareas, a sinatura de Tantos anos de silencio, de Francisco Castro, na Feira do Libro da localidade.
Un relato violentamente fermoso. Fermosamente violento.

O autor recrea nesta ambiciosa novela unha época de escuridade, paseos na madrugada, tiros nas cunetas, e corpos que sobreviven en covas devaixo das cociñas, mais tamén de utopías e soños de cambio, revolución e vida mellor. En efecto, todo é un soño feliz no pazo de Flavia ata que o 18 de xullo de 1936 comeza unha guerra que algúns aproveitan para urdir vinganzas que acaban deixando unha pegada misteriosa: umhas fosas comúns que agochan cinco corpos executados dun tiro na cabeza e un sexto esqueleto de muller que abraza contra o peito o libro dun poeta do que ninguén oíu falar. Ánxela, unha investigadora que garda a súa propia historia de violencia e dor, acepta dirixir a excavación das fosas e proponse deitar luz sobre todos os acontecementos dos primeiros días da guerra no pazo, pero axiña desexará tirar tamén do fío da identidade do misterioso poeta e da muller soterrada co libro. A través da investigación de Ánxela, iniciamos unha viaxe apaixonante entre 1936 e os nosos días en que descubriremos que o fascismo superou tempo e fronteiras.
Francisco Castro (Vigo, 1966) director xeral da Editorial Galaxia. En 2010 foi elixido presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É un dos narradores galegos que comezaron a publicar no inicio do século XXI. A súa narrativa destaca pola orixinalidade á hora de abordar xéneros moi diferentes. É autor do libro de relatos eróticosXeografías, de A canción do náufrago, ambos de 2001, e do relato histórico Memorial do infortunio. En 2004 publicou Xeración perdida, novela coa que adentra ao lector no mundo das drogas, e Un bosque cheo de faias, que gañou o Premio Frei Martín Sarmiento. Recibiu en 2006 o Premio Blanco Amor de novela longa con Spam que publica Galaxia. En 2007 resultou gañador do Premio de Novela Manuel García Barros, concedido polo Concello da Estrada, coa novela As palabras da néboa, publicado por Editorial Galaxia. No mesmo ano publica ‘O ceo dos afogados’ que foi finalista do premio Fundación Caixa Galicia e que recibiría o Frei Martín Sarmiento como mellor libro do ano. En 2009 obtivo o Primeiro Accésit e Pluma de Prata no I Certame de Xornalismo de Opinión Raimundo García ‘Borobó’ polo seu artigo titulado ‘Borobó despedido’. No eido da narrativa infantil e xuvenil é autor de ‘Chamádeme Simbad’ (2009), Premio Frei Martín Sarmiento e lista de Honra do IBBY, e ‘O segredo de Marco Polo’ (2010). En 2013 resultou gañador do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia pola súa obra ‘O corazón da Branca de Neve’ e, en 2014, publicou a novela xuvenil ‘Tes ata as 10’, obra que recibiría o Premio Frei Martín Sarmiento en 2016. En 2018 entrou a formar parte da sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega.  

 

Comparte nas túas redes sociais ou por email