Presentación Os jeans de María na Coruña

Categoría: Evento

O día 25 de outubro, ás 19:30 h, realizarase a presentación de Os jeans de María de Xian Lois Alcayde Dans, na Libraría Berbiriana da Coruña. Ademais do autor, intervirán a escritora Tamara Andrés e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes.

Velaquí un mollo de relatos para entendernos a nós mesmos. Personaxes ao límite, situacións que malia semellar cotiás están cheas da incerteza do inesperado.

O autor usa a literatura, a través destes relatos, para investigar na natureza humana. Cun estilo aparentemente doado mergúllanos nos medos, os anceios e as desesperanzas de todos os que, coma milleiros, habitamos este mundo entolecido onde todo, ata o máis incrible, pode suceder con total naturalidade.

Lois Alcayde Dans (A Coruña, 1997). Escritor e xornalista. En 2016, con 19 anos, gañou o I Premio Balbino de relatos polo libro Camiños na sombra, e en 2018 o segundo premio na IV edición do Mazarelos da USC polo conxunto poético Xente da crise. Colabora nas revistas O Salto, Luzes e no xornal Sermos Galiza. Membro do consello editorial da revista Ligeia,  coordina a súa ­sección de Xornalismo. Exerceu como redactor para a TVG e foi responsable de comunicación da emisora de radio coruñesa CUAC FM. Actualmente cursa o grao en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela.

Comparte nas túas redes sociais ou por email