Presentación de “Eles e mais eu. Compostelaneando”, en Santiago

Categoría: Nova

O día 28 de setembro, ás 19 h, celebrarase, na Praza do Toural de Santiago de Compostela, a presentación de Eles e mais eu. Compostelaneando, de Xosé Luís Bernal López (Farruco). Acompañando o autor, participarán Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, alcalde do Concello de Santiago de Compostela e Suso de Toro, autor do limiar.
O acto estará presentado pola actriz Isabel Blanco e contará cunha interpretación musical a cargo dos músicos composteláns Kike Azambuya, “Jazzman” e o violinista Grigori Nedabora.
Imprescindible confirmar asistencia. 
Reserva de praza: 981 54 23 12
 
A vida que rodeou e rodea a Xosé Luís, a Bernal, Farruco,

é Santiago, é Compostela, e, como compostelán, neste libro fálanos da súa relación coa cidade a través dos personaxes máis destacables e curiosos do seu tempo, cunha ollada capaz de crear historias que merecen ser contadas.
Historias dunha cidade, dun país e dun tempo, e de personaxes como Maruxa e Coralia (as Marías), Modesto el Churrero, Franco del Carro, Zapatones…
E tamén de si mesmo, do propio Xosé Luís Bernal, de Farruco.
Xosé Luís Bernal López, Farruco (Santiago de Compostela, 1942). Sendo ben noviño subiu a un estrado e xa non volveu baixar. Presentou festivais, animou concursos, organizou certames, pronunciou pregóns, esconxurou queimadas, fixo teatro, recitou poemas e, co seu personaxe Farruco, a súa creación máis notable, percorreu Galicia, de cabo a chicote, por festas e romarías, e levoulle unha mensaxe de humor e de nostalxia a moitos Centros Galegos de España, Europa, América e do Continente Australiano. Aos dezaoito anos agarrou un micrófono e xa non o volveu soltar: Falou polos da SER, Radio Galega, Onda Cero, Radio Voz… E para que a súa mensaxe chegase máis lonxe e a máis lugares, editou catro producións discográficas: Caralladas, Farrucadas, Trapalladas e Gargalladas. Pola década dos oitenta atrapouno unha cámara de televisión e non o deixou escapar: participou e protagonizou series, programas, reportaxes, concursos, entrevistas… As cámaras do cine tamén o captaron e o exhibiron con éxito. E hoxe en día, no descanso do guerreiro, dáselle por escribir.

Comparte nas túas redes sociais ou por email