Presentación de DOMINGOS DE CALCETÍNS BRANCOS

Categoría: Nova

Este acto, organizado por Galaxia e a Agrupación Cultural Nós, terá lugar hoxe venres ás 20:00 h no salón de actos da Casa do Concello de Moaña. Manuel Pérez Rúa presenta Domingos de calcetíns brancos. Retrato do cambio social na xeración de 1950, Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2009. Estará acompañado por Xosé Carlos Villaverde Román, presidente da Agrupación, Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, Susana Reboreda, profesora de Historia na UVigo e membro do xurado que concedeu o premio, e Ceferino Sánchez Gestido, un dos entrevistados no libro.

A xeración de 1950 viviu o primeiro cuarto de século no franquismo e o resto en democracia, atravesando biograficamente procesos como a desagrarización e industrialización, as migracións exteriores e interiores, a urbanización intensiva, o cambio político, a incorporación social e laboral da muller, o Estado das autonomías e a integración económica, social e política en Europa. Enmarcadas en datos sociolóxicos para comprender a magnitude e o contexto das transformacións, Domingos de calcetíns brancos analiza o cambio social que supuxo a mudanza dunha cultura autoritaria, centralista, relixiosa e paternalista a outra democrática e autonómica.

As voces de trinta e un protagonistas xeracionais do cambio social, recollidas e analizadas por Manuel Pérez Rúa, interpretan os cambios dende unha cultura da austeridade ao hedonismo, da produción ao consumo, da pobreza ás clases medias, do sentido do deber á cultura do inmediato, da auga da fonte á clorada, da roupa de costureira ao prêt-à-porter, do peixe fresco ao conxelado, do galego ao castelán, do crucifixo ao agnosticismo, da casa ao piso, de comer de todo aos alimentos light.

As vivencias xeracionais son individuais pero tamén, como demostra este libro, socialmente similares, dándose unha convivencia de factores socioculturais que proviñan do Antigo Réxime e unha incipiente modernización que a partir de 1959 vai dar lugar ao maior cambio social do século XX en canto a demografía, economía, urbanismo, emprego, etc.

Comparte nas túas redes sociais ou por email